A MOVERSE UN POUCO!

Dende o CRA de Valga queríamos propoñervos unha serie de actividades que podedes realizar na casa para contrarrestar o pouco movemento que realiza o noso corpo dadas as circunstancias nas que nos atopamos.



Comezaremos por darvos unhas nocións básicas das actividades que se vos propoñen. 


A psicomotricidade baséase nunha concepción global da alumna/o na que os coñecementos, as emocións, o movemento , a expresión verbal e corporal establecen relacións simultáneas que lles axudan a desenvolverse como persoas e a expresarse verbal e corporalmente co mundo que a/o rodea.



As actividades que propoñemos divídense en:


- Habilidades, destrezas e tarefas motrices. 

Son os desprazamentos (gatear, arrastrarse, rodar, andar de cuclillas,  trepar, camiñar, correr), saltos (cos pés xuntos, separados, de lonxitude, de altura, dende unha superficie elevada, dende superficies inestables...), xiros (volteretas, estrelas, "croquetas"...).

- Coordinación e equilibrio.


A coordinación xeral xa se traballa nos desprazamentos antes sinalados pero engadimos lanzamentos e recepcións (de obxectos, tanto coas mans coma cos pés) así coma situacións de equilibrio nos desprazamentos (dende pisar unha liña marcada no chan ata camiñar pisando unha corda, camiñar por un banco, un muro baixo...). 


Imos a presentarvos exemplos de moitos xogos que podedes realizar na casa. O único que debemos de ter en conta é que teremos uns xogos que utilizaremos para quecer o corpo ao comezar a clase, outros máis intensos que constitúen o corpo da sesión de traballo e por último xogos que nos axudan a voltar á calma e nos permiten relaxarnos facilmente. 




XOGOS DE ANIMACIÓN/QUECEMENTO


- Podemos xogar á pilla por toda a casa (de pé, a gatas, pillando coa man ou lanzando pelotas, trapos, globos, bonecos...). 


- Podemos bailar e xogar ás estatuas musicais (cando pare a música temos que quedar coma estatuas), ou outras cancións dirixidas (Chu chu ua, El arca de Noé ou algunha máis actual).

- Vexo, vexo bailando (estamos a bailar e xogamos ao vexo-vexo, cando dicimos cor temos que ir a tocar obxectos con esas cores).


Deixámosvos uns exemplos destes xogos de animación e quecemento (existen infinitos).








XOGOS PRINCIPAIS


Dependendo dos materiais que teñades na casa podedes adaptalos. 

- Empezamos propoñendo xogos con globos:
Desprazarse golpeándoos con distintas partes do corpo, arrastrándose, lanzalos ao ceo e facer diferentes xestos mentres non cae, levalos a diferentes partes da casa golpeándoos, sentados cos globos na barriga, entre as pernas, por parellas..., todo o que imaxinedes! Deixámosvos uns exemplos:









- Temos, tamén, xogos con materiais variados nos que podemos facer birlos con botellas de plástico, dianas con cartóns, aneis ou aros de lanzar tamén con cartóns, así coma xogos populares coma a pita cega, carreiras de sacos, a rá, as chapas, as mariolas pintadas no chan ou usando cinta adhesiva para facer as marcas.... Deixamos exemplos de imaxes e de xogos. 









  





- Como terceira opción deixamos os percorridos/circuítos que podedes facer pola casa. 

Comezar nun punto de inicio e que a alumna/o teña que ir sorteando obstáculos. Podedes usar elementos a modo de conos como poden ser os rolos de papel, os peluches, etc... Facelos subir e baixar por cadeiras e sofás, pasar por debaixo de mesas e cadeiras, saltar, reptar, gatear, manter o equilibrio ao londo dunha corda pousada no chan... Todo o que imaxinedes! Canto máis longo sexa o percorrido menos se aburrirán. 

- Tamén podedes utilizar historias narradas de aventuras nas que teñen que simular as accións que lles van ocurrindo ás personaxes.

Exemplo: Esta é a historia dunha rá que saíu a coñecer outra fraga que non era a súa. Abandonou a súa poza arrastrándose polo barro. Cando o terreo se fixo máis duro púxose a saltar ata que atopou unha lebre que se ofreceu a levala ao cabaliño. A rá estricouse, colleu á lebre polas orellas e agarrouse ben, pois por todos é sabido que as lebres son moi potentes e rápidas. A lebre saíu a fume de carozo e ...........  (botádelle imaxinación).


XOGOS DE VOLTA Á CALMA


Podedes contar algunha historia de relaxación, facer masaxes con balóns, usar xogos que sexan menos activos, e incluso sesións de estiramentos dirixidos ou de ioga que contribúen a esa volta progresiva á calma.







Usade roupa cómoda e segura que vos permita realizar os xogos e analizade os espazos para controlar e minimizar os riscos de lesións. 

Intentade facer 1 sesión diaria con este tipo de actividades cunha duración aproximada de entre 30 e 45 minutos. 

Independentemente de que as circunstancias sexan adversas, dende o CRA esperamos que o pasedes ben coas actividades que vos propoñemos e sobre todo que valoredes o tempo que estades pasando en familia. 

Un saúdo 

CRA de Valga

Comentarios