FESTIVAL DE ENTROIDO!

Chegou unha das celebracións do calendario máis agardadas polos nenos e nenas: o Entroido! Este ano, seguindo coa temática do proxecto anual, no C.R.A. disfrazámonos do Entroido Tradicional Galego. Subiremos os vídeos das actuacións proximamente, pero mentres, velaquí vai un aperitivo: 

Os Xenerais da Ulla cobraron vida cos nenos e coas nenas de Forno, que subiron ó escenario a galope dos seus cabalos e erguendo as súas espadas. Non faltaron nin os "vivas" para amenizar a festa!

Os boteiros de Vilariño de Conso foron os elixidos pola Escola de Vilarello. Bailaron co folión que os caracteriza botando sobre a monca, non sen antes pedir permiso ós asistentes para subir ó escenario. O seu traxe complementábase co cinto con esquilas, o pantalón de flocos e a camisa de fitas en acordeón.

De Sarreaus chegaron os nenos e nenas de Chenlo, vestidos de Vergalleiros. Levan este nome polo vergallo que fan soar para anunciar ós habitantes o Entroido. Puidemos ver a súa mitra de dous picos da que colgan pequenas chocas e que estaba decorada por touros.

De Xinzo da Limia, tomaron o disfrace os nenos de Campaña, convertíndose nas famosas Pantallas. O seu traxe branco foi complementado con capa e faixa da que colgan os cencerros, así como o elemento que máis os caracteriza: as vexigas que empregan para asustar ó público.

Os nenos de Ferreirós convertíronse en Peliqueiros de Laza (da comarca de Verín). No seu atuendo puidemos observar detalles como a mitra sobre a cabeza con animal debuxado (eles elixiron lobos, leóns...), as chocas no cinturón, ou a zamarra coa que se enfrontan á xente que vai sen disfrazar.


Os Labardeiros e Señoritas de Toén, víronse representados pola Escola de Xanza. As Señoritas vestiron a típica saia branca e longa chea de flores, ademais de colares, sombreiro e un cesto co que nos sorprenderon espallando papeliños de cores. Os Labardeiros luciron tamén de branco e con flores, pero cun sombreiro moito máis alto e coa cara tapada cunha rede azul. Tampouco faltou a labarda, instrumento tradicional para mallar o trigo.


Rematamos as actuacións cun gran folión no que participaron os nenos e as nenas de todas as escolas, para logo dar paso á merenda coas familias que se acercaron ó auditorio de Cordeiro.



Despedímonos desexándovos que disfrutedes dun feliz Entroido cos pequenos e pequenas!


Comentarios

  1. O alumnado, mestras e familias lograron un bo traballo!!
    Preciosas as fotos deste entroido tan galego.
    Bravo!!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario